A continuación, preséntanse unha serie de xogos,
concretamente sete, para traballar dunha maneira divertida e lúdica as vogais e
consoantes, afondando así na lecto-escritura. A súa aplicación pode ser
interesante para o inicio deste estudo e tamén como complemento ás fichas de
traballo.
1.Investigación: Buscar nun libro, nun conto ou
nunha revista que teñades na casa, palabras que comecen pola letra que ides a
traballar nesta semana (por exemplo, a letra A). Logo, unha vez que xa teñan
localizadas un gran número delas, podedes escribilas nun folio para que así as
conten, traballando deste modo a secuencia numérica.
2.Roda das letras: Para esta actividade necesitades un folio, un rotulador
e mais pinzas vellas que non usedes. Así, no folio debuxaredes un círculo e no
seu interior incluiredes todas as vogais (non teñen porque seguir unha orde
lóxica, é dicir, A-E-I ..., senón que poden ir mesturadas), e os cativos/s
deberán identificar a letra A dentro dese conxunto. Para indicar e dar a
entender que comprenderon que a letra que elixiron é a correcta, deberán
sinalala poñéndolle encima unha pinza da roupa. Un exemplo pode ser este, aínda
que neste caso, empregan imaxes dos elementos, non a propia vogal:
3.Cores: Con axuda dun folio no que
estarán escritas tamén todas as vogais cun rotulador, pedir aos nenos/as que
pinten cun círculo so a vogal “A”. Tamén podemos dicirlles que localicen todas
as letras e que as pinten con cores diferentes: a letra A, de vermello; a letra
E, de azul, a letra I de verde …
4.Boliñas: Para este xogo, necesitamos cinco rollos de papel
hixiénico e pequenas boliñas que os nenos/as poden facer con papel hixiénico ou
con papel de cociña. Ademais, con esta acción estaremos a favorecer a
motricidade fina.
Así pois, se tedes témperas ou
rotuladores na casa, pedirémoslles ós nenos/as que decoren cada rollo da
maneira que queiran e coas tonalidades que eles/as escollan. Despois, unha vez
seca a pintura, cada rollo será unha vogal e no seu interior introduciremos as
bolas creadas antes. É dicir, nós dirémoslles a letra “A”, por exemplo, e eles
deben meter unha boliña no rollo correspondente á letra “A”. Logo, unha vez
finalizado o exercicio, contaremos cantas boliñas hai en cada rollo.
5.Dado das vogais: Para este xogo precisamos cartón, pinturas e un rotulador. Co cartón, por un lado, podedes facer dous dados, un que teña en cada un dos seus lados as vogais, e o outro que teña cada lado dunha cor distinta. Este é un exemplo claro:
Logo, tamén resulta imprescindible
a creación dun panel, que pode facerse igualmente con cartón, no que aparezan
as letras, pero escritas con diferentes cores. Deste xeito, o neno/a deberá tirar
primeiro o dado das letras e despois o das cores, e en función do que lle tocou
buscar no panel o resultado axeitado. Pode ser interesante, ademais, acompañar
esta acción dicindo unha palabra que comece pola letra que saíu.
6.Conto: Inventar cos nenos/as unha historia da letra que estades
a traballar, neste caso, da letra “A”. Para non complicar máis a actividade,
podedes partir das palabras con “A” que aparecen no libro de lecto-escritura.
7.Letras: Se tedes fariña, azucre sobrante no fogar ou mesmamente
na terra (se tedes o privilexio de poder saír a fora), facer as letras neses
recursos. É importante que os pais/nais as fagan primeiro explicándolles por
onde empezar para que, a continuación, eles/as o poidan realizar xa
autonomamente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario