martes, 28 de abril de 2020

XOGOS CON TAPÓNS DE BOTELLAS

1.Seriación I: Unicamente precisamos para esta actividade tapóns (valen os das botellas de auga acabadas, por exemplo), un anaco de cartolina ou folio branco e gomets (aínda que estes últimos non son imprescindibles pois pódense empregar pinturas de cores).
Para o seu desenvolvemento, en primeiro lugar, debemos recortar un anaco de cartolina ou folio branco e dividilo en seis ou oito partes. A continuación, hai que pintar no centro de cada parte un círculo dunha cor ou pegar un gomet. Soamente utilizaremos, para empezar, tres ou catro cores para que a serie non sexa complicada para os nenos/as (se vemos que se defenden ben, engadir máis). 
Logo, na superficie dos tapóns tamén debemos pintar ou pegar gomets, de xeito que cada neno/a relacione o tapón que ten a cor amarela por exemplo, coa zona da cartolina que ten o círculo amarelo.



2. Seriación II: Precisamos para este exercicio os tapóns creados na actividade anterior e novamente unha cartolina ou folio branco e gomets ou pinturas. O seu deseño inicial parte de coller a cartolina ou o folio branco e pintar unha serie de círculos seguindo unha determinada secuencia (por exemplo, amarelo/azul … amarelo/azul … amarelo/azul …) e que os nen@s a continúen colocando os tapóns da mesma maneira. É importante partir so de dúas cores e, se vemos que evoluciona ben o seu desenvolvemento, introducir unha terceira ou incluso unha cuarta.
Ademais, as formas non teñen porque ser circulares, senón que tamén se poden empregar triángulos ou cadrados, traballando así outras formas xeométricas. 




3.Memoria: Necesitamos tapóns e rotuladores de cores ou gomets. Primeiramente, collemos parellas de tapóns e pintamos no seu interior distintas formas (un corazón, unha estrela, un cadrado, unha nube …). Unha vez feito este paso, dicimos aos nenos/as que as observen e que as intenten recordar. Seguidamente, volvemos os tapóns, tapando así as formas, e movémolos para que non lembren onde está cada elemento. A continuación, pedimos que os vaian destapando e que busquen a súa parella correspondente. 




4.Ensartar:Para a realización deste xogo, serán de utilidade tapóns, unha tesoira ou un destornillador e mais un anaco de la.
            Antes do seu desenvolvemento, deberedes coller os tapóns e facerlles un pequeno orificio no seu centro. Despois, coa axuda de la, os cativos/as irán introducindo un por un os tapóns, perfeccionando así a súa motricidade fina. É recomendable, se pode ser, o emprego de tapóns de distintas cores para que tamén poidan seguir unha determinada serie, ou mesmo crear algún personaxe como o robot desta imaxe:





5. Abecedario: Son necesarios os tapóns, un anaco de cartón e rotuladores (permanentes a poder ser). 
            Por un lado, dividiremos o cartón en 27 partes correspondentes cada unha delas a unha letra do abecedario. Logo, na superficie de cada tapón, escribiremos tamén as vogais e consonantes de maneira visible, para que os nen@s as identifiquen e as coloquen no espazo destinado a cada unha delas no cartón. 


Isto pode facerse igualmente con número do 0 ata o 10, para que así os poidan discriminar e aprender a serie numérica. 


6. Pescar: Aquí precisamos, aparte dos tapóns, un balde con auga mediada e máis dous paos. Colocamos o balde coa auga e introducimos nel distintos tapóns. Despois de observar que non se afunden, solicitarémoslles que intenten sacar coa axuda dos dous paos os tapóns. Primeiro podemos facer que sexa unha actividade libre, de experimentación e descubrimento, pero logo podemos pedirlles que extraian instrumentos que teñan unhas características determinadas. Por exemplo, que saquen os tapóns de cor azul ou os tapóns que sexan máis grandes.     
          Se vemos que a actividade é moi difícil ou que o uso dos dous paos é complexo para eles/as, podemos substituír este recurso por unha culler. 



7.Torres: Para este xogo unicamente necesitamos tapóns de distintas cores e tamaños e cos que podemos facer torres en función dun criterio. Por exemplo, que constrúan unha torre cos tapóns máis pequenos ou cos tapóns vermellos.


8.Reciclaxe: Cunha caixa ou botella de plástico, para reciclar tamén, e pinturas como ceras ou témperas que teñades na casa, podedes pedirlles ós nenos/as que coloreen esa caixa ou botella ó seu gusto para que recicledes os tapóns usados no fogar. 



9.Abrir/pechar: Para este xogo precisamos o tapón e a súa rosca (por exemplo, o das botellas do leite), cartón e rotuladores de cores ou gomets.
          Así, dividiremos o cartón en 10 partes colocando en cada unha delas unha rosca que no seu interior terá pintado ou pegado un gomet dunha cor. Podedes seguir a seguinte secuencia, amarelo, azul, vermello e verde (non teñen porque ser estas cores, é so unha orientación). Feito isto, nos propios tapóns tamén pintaremos ou pegaremos os gomets da mesma cor. Deste modo, os nen@s deberán relacionar un tapón coa súa correspondente rosca, que terán que manipular para selar axeitadamente. Este é un exemplo:




10.Manualidade: Xa que estamos na primavera, podemos inventar unha flor ou un verme con tapóns. Para iso, precisaremos un folio ou cartolina, ben en branco ou xa decorado por eles/as mesmos, e debuxar as flores e o tallo dunha pranta.  Logo, con 5 ou máis tapóns pódense facer diferentes flores e vermes (aquí o número é ilimitado) podendo conseguir así a creación dun mural.
          Ademais e para que non se despeguen, podemos empregar silicona quente ou, sen non podedes acceder a ela facilmente, cola branca ou probar con pegamento de barra. 





No hay comentarios:

Publicar un comentario